Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Camariñas aproba o pago de facturas a provedores no seu primeiro pleno telemático


A sesión foi retransmitida en directo vía streaming.

O Concello de Camariñas celebrou hoxe, xoves 30 de abril, o seu primeiro
pleno telemático da historia no que se aprobou un recoñecemento de
crédito de 286.892,49 euros para poder pagar facturas pendentes a
provedores.
Este asunto, único punto da orde do día, aprobouse cos votos a favor do
PSOE e a abstención do PP e o BNG. A alcaldesa, Sandra Insua, explicou
que “non se podía demorar máis este pleno para non atrasar máis do
debido asuntos urxentes como pode ser o pago a provedores”.
Ademais, a rexedora agradeceu ao comezo da sesión a encomiable labor
que están a levar a cabo os traballadores e traballadoras da agrupación de
Protección Civil de Camariñas “que co seu traballo e esforzo permítennos
chegar a todas as casas do municipio nesta crise sanitaria, poñendo en
xogo tamén a súa saúde”.
Como recoñecemento a esa labor, todos os integrantes do pleno decidiron
doar aos voluntarios de Protección Civil a achega económica que terían que
recibir pola asistencia á sesión. É unha cantidade que suma en total 1.300
euros.
A sesión levouse a cabo sen ningún problema a través da ferramenta
Google Meet e emitiuse en directo a través de Youtube, cunha ligazón que
se comunicou a través da web municipal e das redes sociais do Concello
minutos antes do inicio da mesma.